viernes, 16 de mayo de 2008




Alfredo Brañas

Por Brais do Castro.- Alfredo Brañas Menéndez (Carballo, A Coruña, 1859) trasladouse dende moi novo a Cambados (Pontevedra). Logo de realizar o bacharelato en Compostela, ingresou na Universidade, onde se licenciou en Dereito e acadou o grao de doutor en 1885. Desempeñou o cargo de secretario xeral da Universidade de Compostela ata que foi cesado (1885). Nese tempo ocupouse da redacción do regulamento provisional, chegando a publicar unha ‘memoria-anuario do curso 1883-1884’ con grande énfase estatístico. Profesor das facultades de Dereito nas universidades de Compostela e Oviedo, en 1888 exerceu a docencia como catedrático de Economía Política na Universidade de Compostela, tempo que dedicou con grande ansia á procura de redactar unha historia sobre a Universidade compostelá (algúns deses apuntes reflectiunos no seu libro El regionalismo). Un ano despois redactará a ‘Exposición de la Ciudad de Santiago de Galicia a las Cortes del Reino’, como protesta contra o proxecto gobernamental de suprimir a Facultade de Dereito e a Escola Especial de Veterinaria de Compostela. No texto inclúe a frase de que «non é posible abandonar tan cruelmente e de xeito tan infame á oitava parte da poboación do territorio de España: non é posible condenar á ignorancia e á barbarie a dous millóns de habitantes».
Alfredo Brañas, creador da teoría do ‘regionalismo galego’, foi un grande orador e un áxil e prolífico escritor. Cunha orientación ideolóxica moi concreta, a súa sona estendeuse rapidamente por toda España, especialmente por aquelas zonas que agardaban o comezo das teorías nacionalistas, «constituíndo un estímulo para os seus seguidores e un desconcerto para os seus inimigos». Baldomero Cores Trasmonte, nun dos seus traballos para a Enciclopedia Galega, salienta que «o seu impacto no desenvolvemto das teorías e da acción política de Galiza foi moi intenso. Bateu con inimigos moi duros, como Leopoldo Pedreira, quen se refire ao ‘obtuso intelecto de Brañas’, ou coma Clarín [Leopoldo Alas García-Ureña*], que o tacha de señorito compostelán; sen esquecer, naturalmente, aos inimigos políticos, aos centristas máis teimudos, que viron nel un perigo latente».
Con todo, fóra do concurso ideolóxico, foi considerado ‘o mestre’ por aqueles que asumiron a defensa das ideas arredadas en Galiza. Castelao denominábao gran patriota e ‘extraordinaria persoa’. A súa produción xornalística estendeuna a través de El Eco de Santiago, La Gaceta de Galicia, El País Gallego ou mesmo en Galicia Humorística; se ben Alfredo Brañas preferiu crear novos medios de comunicación máis acordes coas súas propias inquedanzas. De aí a aparición de Galicia. Revista Regional, «na que contribuirá intensamente entre 1888 e 1893, e logo en La Patria Gallega, malia que unha discusión con Manuel Murguía obrigou a Brañas, Tarrío e Cabeza de León a arredarse da revista ‘por non ser quen de resistir os inconvenientes da súa dirección’, tal como explicaría o propio Brañas na Gaceta de Galicia do 27 de decembro de 1891».
O seu arredismo partiu da base da experiencia rexionalista en Galiza e Cataluña e orixinouse a través dunha intensa formación xurídica e económica, aproveitando as novas correntes do dereito e da economía para fundamentar a súa teoría. O resultado deu pé a unha formación teórica moi fonda que constituíu o gran pulo da súa acción, que lle proporcionou o liderado do ‘rexionalismo galego’. «Poucas veces un movemento político», sinala Cores Trasmonte, «situouse ante os medios de comunicación social coa eficacia de Brañas: dotado de condicións excepcionais para a elocuencia e o xornalismo, para a comunicación poética de tipo popular, consciente da importancia da palabra oral e a escrita en cada momento, abriu unha oportunidade para o ‘rexionalismo’ galego que bateu na incerteza dos denominados mestres precursores». Pese á brevidade da súa vida pública, en pouco tempo as súas ilusións prenderon nun pequeno fato nacionalista que logo integrou un gran movemento político de grande eficacia.
Non debemos esquecer que a época de Alfredo Brañas non era a máis doada para establecer criterios claros sobre a autodeterminación ou a independencia dos pobos. Aínda, na actualidade, á maioría dos 'políticos profesionais' mételles medo contravir as posicións denominadas ‘constitucionais’, cando é precisamente a política quen a través do lexislador constitúe o dereito. Isto é, pódese cambiar todo sen crebar co conxunto. Pódese cambiar a Constitución española o mesmo ca se estableceu: só hai que seguir o protocolo do momento. E Alfredo Brañas, daquelas, pese a todo, tíñao tamén bastante claro. No discurso pronunciado no ‘Banquete Rexionalista’ (Tui, 1891), dedicado á análise dos conceptos de patria, nación e Estado, xa realiza propostas moi semellantes, por exemplo, ás do presidente vasco Ibarretxe, se ben entre os seus argumentos contempla a estratexia de manter aquela realidade presencial. Cando argumenta que «aqueles que se dedican a calumniarnos presentándonos á vergonza pública como inimigos acérrimos da por eles denominada ‘unidade nacional’, dirémoslles que nós recoñecemos, ‘polo de agora’ [o subliñado é noso], a existencia da ‘patria grande’ malia que non sexa máis ca ‘unha realidade psicolóxica aceptada por todos’ [o subliñado é noso]». Casos de Euskadi e Cataluña, que na actualidade recoñecen tamén esa ‘realidade psicolóxica’, se ben ambos os dous países coidan nun futuro cambiala pola de ‘independencia nacional’, malia que estratexicamente propoñan medidas intermedias. Polo tanto, a ideoloxía ‘rexionalista’ de Alfredo Brañas era xa naqueles momentos moito máis actual ca a dos ‘rexionalistas’ de hoxe. Cores Trasmonte reflícteo así: «En Brañas o concepto tiña un sentido estratéxico para a posibilidade do desenvolvemento do movemento ‘rexionalista’ [o subliñado é noso] sen rozar as normas legais, especialmente as disposicións penais e, ao mesmo tempo, para impedir que os tópicos centralistas considerasen como separatismo a nova consideración dun país que dispuxese de variedades rexionais».
Alfredo Brañas, que escribiu numerosos poemas en galego e en castelán (Borradores de versos, La eternidad, ambos os dous publicados en 1881), entre os que salienta o seu poema civil ¡Como en Irlanda!, resumo poético do seu ideario nacionalista, «ten o mérito de por o seu talento ao servizo dun ideal, precedente do que na actualidade denomínase poeta comprometido».
Brañas, que faleceu en Santiago de Compostela o 22 de febreiro de 1900, deixou a súa testemuña de nacionalista en cumprimento dunha esixente tarefa tanto intelectual, literaria coma científica. Pese á súa morte case prematura, o seu legado de integridade e amor á súa terra conforman case o antecedente ou pauta principal para mudar o que algúns denominan ‘atado e ben atado’.
Velaquí un persoeiro merecente, hai moito, de figurar no panorama oficial establecido como Día das Letras Galegas. Por que será que os ‘organizadores culturais’ seguen sempre o mesmo camiño da indiferenza cando se trata de afondar na historia?

*A meirande parte dos biógrafos de Clarín identifícano co seu ‘caciquismo literario e tiránico’. Considerado un «homiño nervioso e miope, que impartía docencia na universidade e que polo serán xogaba ás cartas no casino». Burgués e conformista, pese ao seu ‘ateísmo’ liberal.

viernes, 25 de abril de 2008



‘GALIZA NOM É HESPAÑA’
Expresábanse así os colaboradores de A Fouce, aló polos anos trinta do século pasado. E como voceiro da Sociedade Nacionalista Pondal, A Fouce mostraba a súa estratexia ideolóxica, sintetizada no seu decálogo inserido no seu número 8, proclamando como o seu principal obxectivo a independencia de Galiza. A continuación esixía a autonomía municipal, a oficialidade do idioma galego, a igualdade de dereitos para o home e a muller, a representación proporcional sobre a utilidade colectiva, a funcionalidade do dereito foral galego, a terra para quen a traballa e libre de gravames, a repoboación forestal, a entrega a particulares das propiedades incultas do Estado e o libre cambio.
En A Fouce, que se publicou en Bos Aires dende xaneiro de 1926 ata maio de 1936, cunha interrupción de tres anos debida a cuestións «organizativas e/ou económicas», asinaron traballos Alfredo Brañas, Moisés da Presa, Lino Pérez, Álvaro das Casas, Evaristo Correa Calderón, Victoriano Taíbo, Paz Andrade, Leuter E. Salgado, Francisco Fernández del Riego, Vicente Risco, etcétera. Redactada totalmente en galego, á esquerda do seu título, e a modo de recadro, os seus responsables salientaban as palabras de Carolina Michaelis de Vasconcelos: «A lingua é a base, e é a máis xenial, a máis orixinal e nacional obra de arte que cada nación cría e desenvolve».
Nas súas páxinas aparecen campañas en favor da cultura galega (o libro, as revistas, as institucións, etcétera), o seu apoio ao Seminario de Estudos Galegos, e algunha económica, na que promove o apoio aos estudantes. A Fouce, que destaca no seu primeiro editorial que se trata «do primeiro paso duns mozos arroutados e independentistas», proclama que o seu xornal non é «español, é un periódico galego», e refírese a cotío ás súas propostas antimonárquicas e antirrepublicanas nun Estado global: «Nin con autonomía, nin con federalismo. O pobo galego será dono de seu».
[Información recollida da GRAN ENCICLOPEDIA GALEGA NOVOS VIEIROS]