viernes, 25 de abril de 2008



‘GALIZA NOM É HESPAÑA’
Expresábanse así os colaboradores de A Fouce, aló polos anos trinta do século pasado. E como voceiro da Sociedade Nacionalista Pondal, A Fouce mostraba a súa estratexia ideolóxica, sintetizada no seu decálogo inserido no seu número 8, proclamando como o seu principal obxectivo a independencia de Galiza. A continuación esixía a autonomía municipal, a oficialidade do idioma galego, a igualdade de dereitos para o home e a muller, a representación proporcional sobre a utilidade colectiva, a funcionalidade do dereito foral galego, a terra para quen a traballa e libre de gravames, a repoboación forestal, a entrega a particulares das propiedades incultas do Estado e o libre cambio.
En A Fouce, que se publicou en Bos Aires dende xaneiro de 1926 ata maio de 1936, cunha interrupción de tres anos debida a cuestións «organizativas e/ou económicas», asinaron traballos Alfredo Brañas, Moisés da Presa, Lino Pérez, Álvaro das Casas, Evaristo Correa Calderón, Victoriano Taíbo, Paz Andrade, Leuter E. Salgado, Francisco Fernández del Riego, Vicente Risco, etcétera. Redactada totalmente en galego, á esquerda do seu título, e a modo de recadro, os seus responsables salientaban as palabras de Carolina Michaelis de Vasconcelos: «A lingua é a base, e é a máis xenial, a máis orixinal e nacional obra de arte que cada nación cría e desenvolve».
Nas súas páxinas aparecen campañas en favor da cultura galega (o libro, as revistas, as institucións, etcétera), o seu apoio ao Seminario de Estudos Galegos, e algunha económica, na que promove o apoio aos estudantes. A Fouce, que destaca no seu primeiro editorial que se trata «do primeiro paso duns mozos arroutados e independentistas», proclama que o seu xornal non é «español, é un periódico galego», e refírese a cotío ás súas propostas antimonárquicas e antirrepublicanas nun Estado global: «Nin con autonomía, nin con federalismo. O pobo galego será dono de seu».
[Información recollida da GRAN ENCICLOPEDIA GALEGA NOVOS VIEIROS]



No hay comentarios: